Gastronomia de Galicia 

Protagonistas

 

<< volver

Festa do Choco de Redondela:
tradición, modernidade e folclore

Este mes de maio celébrase un dos eventos gastronómicos máis esperados da ría de Vigo: a Festa do Choco de Redondela.

Este produto único procedente da enseada de San Simón é o protagonista dunha festa que non debedes esquecer de apuntar na vosa axenda de escapadas por Galicia. Un fantástico ámbito natural, unha illa chea de segredos, un produto de gran calidade, música...

Falamos coa Oficina de Turismo de Redondela, que nos contou cousas moi interesantes sobre esta festa...

 
Festa do Choco de Redondela: tradición, modernidade e folclore

Laura, en que data se celebra a Festa do Choco de Redondela este ano?

Celébrase todos os anos na primeira ou segunda fin de semana de maio. Este ano será os días 10 e 11. Falta moi pouco! Xa estamos a preparar todo con moita ilusión.

Por que ten tanta fama o choco de Redondela? Que o fai tan especial?

Se a ostra é o produto característico de Soutomaior, o choco vai asociado ao nome de Redondela, porque en ningún lugar abunda este cefalópodo como nas augas da enseada de San Simón. Estes chocos son capturados polos propios pescadores do lugar, sobre todo, durante a primavera. Eles utilizan artes tradicionais como as nasas, para capturar as pezas, que poden chegar aos dous quilos de peso.

Como poderiamos degustar o choco durante a festa?

Durante a fin de semana da festa, reúnense os hostaleiros máis importantes do municipio para participar nunha competición gastronómica. Este concurso divídese en dúas categorías: por un lado a de pratos tradicionais (con arroz, na súa tinta e en empanadas), e por outro lado a máis creativa, que recolle as receitas máis innovadoras. Danse a coñecer moitas e diversas receitas que mesturan o choco con distintos ingredientes.

Se un visitante decide vir á festa, que outras experiencias poden vivir en Redondela?

O recinto da festa sitúase en pleno centro de Redondela, ao lado dos xardíns da Alameda. Alí sitúanse os vendedores e as mesas de degustación. A verbena celébrase no mesmo recinto. Ademais, hai outras actividades pola vila como as actuacións de bandas de música ou de grupos folclóricos, así como postos de venda de artesanía.

Pero os que aínda están a pensalo, que non o dubiden máis! Un paseo pola vila dos viadutos, unha visita á illa de San Simón, un pouco de sendeirismo aproveitando o Camiño de Santiago no seu paso por Redondela, unhas vistas panorámicas dende o miradoiro de Castro de Negros, unha visita para admirar o centenario carballo do Lar, un mergullo na praia de Arealonga... e moito máis!