Gastronomia de Galicia 

Protagonistas

 

<< volver

A festa da ostra de Arcade:
o seu sabor especial dállo a mestura da auga do mar coa do río Verdugo

Como cada ano dende 1987, o primeiro fin de semana de abril está protagonizado por unha Festa de Galicia de Interese Turístico: a Festa da Ostra de Arcade, no concello de Soutomaior (Pontevedra).

Non vola podedes perder! Falamos con Mª Dolores Cernadas, a concelleira de Cultura e Turismo.

 

 
A festa da ostra de Arcade: o seu sabor especial dállo a mestura da auga do mar coa do río Verdugo
 
Mª Dolores, en que datas se celebrará este ano a Festa da Ostra? Canto dura?
 
Este ano celébrase os días 5 e 6 de abril. Como todos os anos, empeza o sábado sobre sobre as 12 h e remata o domingo a mediodía.
 
Que actividades se ofrecen durante a festa aos visitantes?
 
Pois todo xira ao redor da degustación da ostra e da música. Colocamos unha gran carpa no peirao de Arcade con varios postos onde se ofrecen as ostras. Por un lado pódense degustar ao natural, como é máis tradicional, e por outro lado tamén poden probarse en escabeche e en empanadas. A carpa ábrese dende o sábado ata o domingo a mediodía. Ademais, o sábado pola noite os visitantes poderán gozar bailando ao son de dúas orquestras e baixo os fogos artificiais de media noite. O domingo pola mañá hai un pasarrúas con dúas bandas de música municipais e o tradicional pregón.
 
E que fai tan especial o sabor da ostra de Arcade?
 
Os expertos aseguran que o seu sabor é debido á situación de Arcade, onde se une a auga do mar e a do río Verdugo. A calidade das augas e do plancto co que se alimentan as ostras fan que a súa calidade sexa tan elevada e o seu sabor tan bo.
 
Vemos que o ideal é aproveitar para pasar a fin de semana en Soutomaior. Que alternativas terían os visitantes para gozar do destino?
 
Sería perfecto que viñesen toda a fin de semana a gozar da gastronomía e a verbena, e ademais teñen moito que facer en Soutomaior. Non se poden perder a visita ao castelo, cos seus xardíns e as súas privilexiadas vistas. Ademais, as vistas dende o miradoiro da Peneda son imprescindibles, así como dar un paseo ou facer unha ruta de sendeirismo polas zonas de Comboa e Aranza, ao redor do río Verdugo. De camiño á carpa de degustación, o mellor é achegarse a través do paseo marítimo que rodea Arcade, dende o cal poderedes ver as praias e a ponte Sampaio, de orixe romana.