Gastronomia de Galicia 

Ribeiro

Vino Ribeiro
 

<< volver

Rutas e historia

Rutas:

A "Ruta do Viño do Ribeiro" xorde co obxecto de promover o desenvolvemento socioeconómico da comarca vitivinícola, ademais de conservar o patrimonio artístico, cultural e natural.

A ruta engloba unha ampla oferta de servizos para o turismo, dende as visitas a adegas, enotecas e museos do viño, ata actividades culturais, deportivas, oferta nocturna, aloxamentos e restauración. Conscientes da importancia que ten o binomio turismo e viño, máis de vinte adegas ofrecen a posibilidade de realizar visitas ás súas instalacións, de ver os procesos de elaboración, de coñecer os viños da man dos seus adegueiros e de probalos no mellor ambiente.

A comarca está considerada un dos enclaves máis representativos da cultura e da arquitectura galega e atesoura un patrimonio artístico magnificamente conservado. Nas súas vilas e aldeas medievais pódense visitar castros, xudarías, pazos, mosteiros e igrexas, que se integran á perfección coa paisaxe da auga e do viño. Ademais, conta con outros recursos, coma o turismo termal, que xa no século XIX foi o motor económico da zona. Tamén conta con festas tradicionais e gastronómicas como a Feira do Viño do Ribeiro e a súa Festa da Vendima.

Historia:

Sábese polo testemuño de Estrabón que a mediados do século II antes de Cristo xa se elaboraba viño do Ribeiro. Os romanos, tras o seu paso por estas terras coas súas lexións, puxeron na mesa dos emperadores romanos viños do Ribeiro.

Foron os monxes da orde do Císter, que se asentaron en San Clodio, no municipio de Leiro, onde construíron un mosteiro, os que observaron o enorme potencial do Ribeiro, dedicándose ao coidado e ao estudo das variedades autóctonas que aínda hoxe se manteñen.

Hai que sinalar que xa na metade do século XII o abade do mosteiro de San Clodio, Pelagio González, indica no seu testamento cal foi o labor de reimplantación do viñedo. Nel gaba a gran calidade dos viños do Ribeiro que, ao abeiro do Camiño de Santiago, chegan a Europa da man de comerciantes xudeus, os cales tamén deixaron en Ribadavia o seu gran legado histórico e monumental.

O viño do Ribeiro acada o seu máximo esplendor nos séculos XV e XVI, cando se converte nunha da comarca e se exportan por toda España, Europa e especialmente Gran Bretaña. Transportábase en balsas e en carruaxes ata os portos, polo que a navegabilidade do río Miño foi fundamental para a economía do Ribeiro. En 1592 xa se ten constancia documental do embarque en Ferrol con destino a América de 127 pipas de viño do Ribeiro por 190 reais.