Gastronomia de Galicia 

Ribeiro

Vino Ribeiro
 

<< volver

Cata

Brancos:

Á vista preséntanse como uns viños limpos e transparentes, brillantes á luz. As súas tonalidades abranguen distintos amarelos, dende o pálido ata a cor palla, case sempre con reflexos verdosos.

No nariz, son viños de grande elegancia, sutileza e, á vez, complexidade, que prodigan exquisitos aromas de distintas froitas e flores, balsámicos e condimentados.

Na boca posúe un magnífico padal, cun paso equilibrado e unhas agradables sensacións de finura e delicadeza, o que resulta nun conxunto fresco, saboroso e aromático, que se conxuga coa súa boa persistencia e harmonía para nos ofrecer un sorbo longo e elegante.

Tintos:

Á vista son vivos, de moita capa e con tons brillantes de vermello picota, case sempre con intensos reflexos violáceos que denotan o seu frescor.

No nariz resultan intensos á vez que elegantes, peculiares e de gran complexidade, con predominio de olores afroitados que nos recordan a froitas encarnadas e negras, notas florais de violetas e pétalos de rosa, lácteos finos, regalicia, especias e balsámicos.

Na boca preséntanse amplos e expresivos, con excelente carácter e poderosa carga tánica que os fai estruturados e carnosos; resultan moi aromáticos, intensos e saborosos, cun punto de acidez que potencia o seu frescor e equilibrio para rematar moi lentamente, con gran persistencia e grato recordo.

Tostados:

Visualmente son brillantes e de marcada viscosidade, con tonalidades que tenden ao tostado, dende o dourado e ámbar ata o caoba.

No nariz son intensos, extremadamente complexos e peculiares, con excelente integración da madeira utilizada na maduración. Dentro dos descritores olfactivos destacan as froitas pasas, os froitos secos, os torrefactos, o mel, as flores amarelas, a pel de laranxa confeita e o melón maduro.

Na boca son concentrados, cunha agradable entrada doce e cálida, que evoluciona e se compensa ao seu paso, combinándose con sensacións saborosas e frescas, para resultaren moi equilibrados e amplos.

Os brancos son ideais para consumir con mariscos como a centola, o boi de mar, os ourizos, etc., e os tintos cun cocido, unha lamprea ou cun cabrito asado ou estufado.

 

 

Características analíticas:

 
Tipos Grao alcohólico adquirido mínimo
Branco De 9 % a 13 % vol.
Tinto De 9 % a 12 % vol.
Tostado Mayor o igual a 13 % vol.