Gastronomia de Galicia 

Ribeiro

Vino Ribeiro
 

<< volver

Comarcas e viños

Zona de produción:

A zona de produción está situada na Galicia meridional, no bordo noroccidental da provincia de Ourense, nas confluencias dos vales formados polos ríos Miño, Avia, Arnoia e Barbantiño.

Está formada polos termos municipais e lugares seguintes:

Concellos de Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada; as parroquias de Banga, Cabanelas e O Barón, no concello do Carballiño; as parroquias de Pazos, Albarellos, Laxas, Cameixa e Moldes no concello de Boborás; os lugares de Santa Cruz de Arrabalde e Untes no concello de Ourense; no Concello de Toén, os lugares de Puga, Igrexa de Puga, Oliveiral, o pobo de Feá e Celeirón e a parroquia de Alongos; e a vila de Touza no concello de San Amaro.

Rivadavia é considerada a capital do Ribeiro.

Tipos e características:

Os tres tipos de viño producidos por esta Denominación de Orixe son o branco, o tinto e, dende 2004, o tostado.

O viño branco Ribeiro representa máis do 85 % da produción con Denominación de Orixe.

Os tintos son viños auténticos, con personalidade propia, que foxen das modas.

A produción dos tostados é moi pequena, laboriosa e complexa.

 

 

O territorio do Ribeiro, afastado do influxo atlántico, ten unha das pluviosidades máis baixas de Galicia e a súa amplitude térmica pode chegar aos 15 ºC. A fosa xeolóxica na que se atopa a comarca fai que no verán se alcancen temperaturas máximas altas, e que no inverno se formen néboas e xeadas por estancamento e decantación do aire frío nos vales e fondais, tendo unha media superior aos 30 días de xeadas ao ano. As precipitacións anuais alcanzan os 830 mm.

Os solos son, en xeral, pouco arxilosos por mor da súa orixe granítica ou xistosa. Son solos bastante frescos e permeables e de profundidade media, pero asentados sobre unha rocha nai frecuentemente moi disgregada, que permite o desenvolvemento radicular. Solos ácidos, cunha proporción de materia orgánica, aínda que non suficiente dada a súa acidez, polo que cómpre engadirlles fertilizantes orgánicos.