Gastronomia de Galicia 

Ribeira Sacra

 

<< volver

Rutas e historia

Relacionadas con esta Denominación de Orixe propóñense seis rutas:

A ruta Taboada-Chantada-Carballedo, onde podemos visitar o Pazo de Bembibre; a igrexa románica de Bembibre e as súas pinturas murais do século XVI; a ruta en catamarán polo Encoro de Belesar (Río Miño); o convento de San Salvador de Asma; a igrexa de Nogueira, de estilo románico e barroco; a "Pena do Garabullo", coñecida polos veciños da zona como a catedral da natureza, e a igrexa románica de San Xoán da Cova.

A ruta A Peroxa-Luintra-Parada de Sil-A Teixeira, onde podemos visitar o mosteiro de San Vicente de Pombeiro, do século X; Santo Estevo de Ribas de Sil, do século VI; o miradoiro de Cabezoás sobre o encoro de Santo Estevo; o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil; o miradoiro dos Balcóns de Madrid e o mosteiro de San Paio de Abeleda.

A ruta Castro Caldelas-Trives-Manzaneda. Esta ruta lévanos a coñecer tres concellos de Ourense, onde podemos visitar a fortaleza dos Condes de Lemos e o seu pequeno museo etnográfico; a ponte romana da época medieval sobre o Río Navea e a zona vella de Trives. En Manzaneda, a antiga fortaleza do Conde de Lemos, a Casa da Pena e a estación de esquí de Manzaneda. En Poboa de Trives,  Sobrado de Trives e a igrexa do mosteiro de San Salvador de Sobrado.

A ruta Quiroga-Ribas de Sil-Poboa de Brollón. Nesta ruta pódese visitar o túnel Romano de Montefurado; a ermida de San Xoán das Farrapas; a Torre Novaes do século X; o municipio de Quiroga; o Pazo dos Bataneros en San Clodio; o miradoiro da Pena do Ladeiro sobre o río Sil; a ponte de Barxa de Lor e as adegas de Vilachá.

A ruta Monforte-Sober. En Monforte pódese visitar o conxunto monumental de San Vicente do Pino, que está formado polo mosteiro de San Vicente, a Torre da Homenaxe e o Palacio dos Condes; o museo de Arte Sacra; a ponte romana, e o colexio de Nosa Señora a Antiga. A capela de San Lázaro é a última que vemos antes de deixar Monforte. En Sober, a cerámica de Gundivós. Na parroquia de Proendos, a igrexa de Santa María de Proendos e o miradoiro de Santiorxo. En Cadeiras, situada na parroquia de Pinol, atopamos o miradoiro e o santuario de Nosa Señora a Santísima Virxe de Cadeiras. E, por suposto, a ruta fluvial do Canón do Sil.

Para rematar, a ruta O Saviñao-Pantón. Nestes municipios podemos visitar a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño; a igrexa de San Paio de Diomondi; a senda dos Cóbados de Belesar, que nos levará ata a vila de Belesar. Continuamos baixando ata chegar á igrexa de San Martiño da Cova, ao pazo de Arxeriz e, pouco despois, á casa de Turismo Rural Torre Vilariño. En dirección a Ferreira atopamos o pazo de Lamaquebrada. No municipio de Pantón podemos visitar a igrexa de San Miguel de Eiré, o pazo de Ferreiroá, o mosteiro cisterciense das Bernardas e San Fiz de Cangas.

A lenda di que os romanos levaban o viño de Amandi para acompañar as súas orxías astronómicas.