Gastronomia de Galicia 

Ribeira Sacra

 

<< volver

Comarcas e viños

Zona de produción:

A zona de produción compóñena as zonas aptas dos municipios das subzonas seguintes:

a) Subzona de Amandi: Sober e Monforte de Lemos.

b) Subzona de Chantada: Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo e A Peroxa.

c) Subzona de Quiroga-Bibei: Monforte de Lemos, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Pobra de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río.

d) Subzona de Ribeiras do Miño: Paradela, O Saviñao, Pantón, Sober e Monforte de Lemos.

e) Subzona de Ribeiras do Sil: A Teixeira, Parada de Sil, Castro Caldelas e Nogueira de Ramuín.

Os viñedos atópanse situados entre os 200 e os 500 metros de altitude.

Tipos e características:

Os tipos de viño amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra son os seguintes:

a) Ribeira Sacra Súmmum. Serán os tintos elaborados cun 85 % como mínimo de variedades tintas preferentes, das que a variedade Mencía debe supoñer, polo menos, un 60 % do total. Tamén serán os brancos elaborados coas variedades brancas preferentes.

b) Ribeira Sacra. Serán os tintos elaborados cun 70 % como mínimo de variedades tintas preferentes.

Só poderán facer referencia á variedade vinífera os viños Ribeira Sacra Súmmum elaborados cun mínimo do 85 % da variedade que se mencione.

O viño coa mención "Barrica" deberá permanecer un mínimo de seis meses en barricas de madeira dunha capacidade máxima de 500 litros no caso dos tintos, e un mínimo de tres meses en barricas de madeira dunha capacidade máxima de 600 litros no caso dos brancos.