Gastronomia de Galicia 

Rías Baixas

 

<< volver

Comarcas e viños

Zona de produción:

O ámbito xeográfico da Denominación de Orixe Rías Baixas abarca 33 concellos distribuídos ao longo de cinco subzonas de produción que se atopan nas provincias de Pontevedra e da Coruña e que son: Val do Salnés, Condado do Tea, Soutomaior, O Rosal e Ribeira do Ulla.

A subzona Val do Salnés abarca os municipios de Cambados, Meaño, Sanxenxo, Ribadumia, Meis, Vilanova de Arousa, Portas, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Barro, O Grove e A Illa de Arousa.

A subzona Condado do Tea abarca os municipios de Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente, Salceda de Caselas, Ponteareas, e parte dos concellos de A Cañiza, Tui e Mos.

A subzona O Rosal abarca os municipios do Rosal, Tomiño e A Guarda, parte de Tui e parte de Gondomar.

A subzona Soutomaior, todo o concello de Soutomaior.

A subzona Ribeira do Ulla comprende os municipios de Vedra, e parte dos concellos seguintes: Padrón, Teo, Boqueixón, Touro, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces.

Tipos de viños e características:

En canto aos brancos, os tipos de viños amparados pola denominación de orixe Rías Baixas son:

Rías Baixas Albariño: viño monovarietal elaborado co 100 % de uvas da variedade Albariño.

Rías Baixas Condado do Tea: elaborado na subzona do Condado do Tea con uvas das variedades Albariño e Treixadura nun 70 % como mínimo e o resto das demais variedades.

Rías Baixas Rosal: elaborado na subzona do Rosal a partir de uvas das variedades Albariño e Loureira nun 70 % como mínimo e o resto das demais variedades.

Rías Baixas Salnés: elaborado na subzona do Salnés a partir de uvas das variedades preferentes nun 70 % como mínimo e o resto das demais variedades.

Rías Baixas Ribeira do Ulla: elaborado na subzona da Ribeira do Ulla a partir de uvas das variedades preferentes nun 70 % como mínimo e o resto das demais variedades.

Rías Baixas: elaborado a partir das variedades brancas recoñecidas.

Rías Baixas Barrica: procedente de viños definidos anteriormente que, no seu proceso de elaboración, permanecen en envases de madeira de carballo dun tamaño non superior a 600 litros. Cómpre indicar sempre o tempo -en meses ou anos- que permaneceron nos citados envases.

Para os tintos.

Rías Baixas: elaborado a partir das variedades tintas recoñecidas, producidas en calquera das subzonas citadas.

En canto a espumosos.

Rías Baixas Espumoso: elaborado a partir das variedades recoñecidas, producidas en calquera das subzonas citadas.

 

En 1988 creouse a Denominación de Orixe Rías Baixas, que tivo como antecedente a denominación Albariño (1980), aínda que esta apenas chegou a funcionar.

No regulamento da Denominación de Orixe recoñécense cinco subzonas, situadas todas elas na provincia de Pontevedra:

- Val do Salnés ocupa a península do mesmo nome entre as rías de Pontevedra e Arousa, na parte baixa do río Umia. O seu centro dinámico é a cidade de Cambados, ateigada de fermosos pazos. A viña cultívase en pequenos outeiros que non superan os 100 m sobre o nivel do mar. O nome de Salnés provén das salinas explotadas na Idade Media, que tiveron un grande interese económico polas salgaduras de peixes.

- Soutomaior está situada no fondo da ría de Vigo, na desembocadura do Verdugo; de feito, no seu tempo pensouse en chamarlle á zona "Fondo da Ría". En tempos anteriores á Denominación de Orixe era a zona onde se podían atopar, se se buscaban, os mellores, máis afroitados e expresivos albariños de colleiteiro de toda Pontevedra. Elabora Albariños varietais.

- O Rosal, situado cara ao sur, ocupando a ribeira dereita da desembocadura do Miño, está abeirado ao norte e ao oeste polas serras da Grava e do Galiñeiro, con altitudes superiores aos 600 m. A comarca está atravesada por pequenos ríos afluentes do Miño en cuxos fondais, en altitudes inferiores aos 100 m sobre o nivel do mar, se atopan os mellores viñedos. O seu centro neurálxico é a pequena poboación do Rosal, que está cerca da cidade mariñeira da Guarda.

- O Condado do Tea, tamén na marxe dereita do río Miño, augas arriba de Tui, ten os seus viñedos ao sur, protexidos ao norte e ao leste pola cordilleira Dorsal Galega, con altitudes que alcanzan máis de 1000 m. Preto de alí, Tui, cidade cabeza de bispado, con fermosos pazos e unha catedral gótica, é un dos grandes puntos produtores de angulas de extraordinaria calidade. A festa da angula en Tui e da lamprea en Arbo son unha proba da vinculación que existe entre os viños e o peixe nesta rexión.

- Ribeira do Ulla

sumario

relacionados

festas

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía