Gastronomia de Galicia 

Valdeorras

 

<< volver

Comarcas e viños

Zona de produción:

 
A zona amparada para a produción de viño con denominación de orixe Valdeorras localízase no nordeste da provincia de Ourense e abarca os concellos de O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

Tipos e características:

Os viños brancos elaborados a partir da variedade Godello posúen cores amarelo-palla con matices verdosos, os seus recendos son francos e intensos lembrando algunha variedade de mazá. En boca amósanse perfectamente estruturados e untuosos, cunha acedume natural que os fai frescos e elegantes, resultando viños plenos, con postgusto largo e satisfactorio. A súa graduación media sitúase arredor dos 12,5º.

Os monovarietais tintos, elaborados con Mencía, están dotados dunha fermosa cor entre vermello-rubí e picota, de capa media e matices violáceos que identifican a súa xuventude con sutís expresións aromáticas de intensidade media que lembran as froitas do bosque como a grosella, framboesa e amora. O seu paso en boca resulta suave e carnoso, cun final limpo e fresco.

Tipos de viño:

Os viños máis característicos da DO Valdeorras son os monovarietais, da variedade godello en brancos e mencía en tintos, elaborándose tamén viños co resto das variedades.

Os tipos de viño amparados pola denominación de orixe Valdeorras son os seguintes:

a) Brancos:

  • Valdeorras godello: elaborado co 100% de uvas procedentes de la variedade godello.
  • Valdeorras castes nobres: elaborados cun mínimo do 85% de uvas de variedades preferentes brancas.
  • Valdeorras branco: elaborado con uvas procedentes de variedades brancas preferentes e autorizadas.

b) Tintos:

  • Valdeorras mencía: elaborado polo menos co 85% de uvas procedentes da variedade mencía.
  • Valdeorras castes nobres: elaborados cun mínimo do 85% de uvas de variedades preferentes tintas.
  • Valdeorras tinto: elaborado con uvas procedentes de variedades tintas preferentes e autorizadas.

c) Valdeorras escumoso: viño escumoso obtido segundo o método tradicional, elaborado cun mínimo do 85% de uvas da variedade godello.

d) Valdeorras tostado: viño naturalmente doce, que se elabora a partir de variedades tintas ou, se é de uva branca, esta será da variedade godello.

Os distintos tipos de viños tintos recollidos nos parágrafos anteriores e os brancos Valdeorras godello poderán utilizar na súa etiquetaxe e publicidade a mención "produción controlada" cando estean elaborados exclusivamente con uvas de parcelas sometidas ás condicións especiais de limitación da produción que se especifican no artigo 9º.2 do Regulamento.

Os distintos tipos de viños brancos e tintos aos que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser sometidos a un proceso de envellecemento en barricas de carballo e terán dereito a utilizar os termos "barrica", "crianza", "reserva" e "gran reserva", segundo a lexislación vixente.