Gastronomia de Galicia 

Pemento de Oímbra

Pimiento de Oímbra
 

<< volver

Cómo recoñecelo e dimensións

Produción:

O viveiro ten unha grande importancia no éxito do cultivo do pemento. Tradicionalmente escóllense as mellores plantas como base de partida. O froito maduro sécase e del extráese a semente. Os viveiros prepáranse a principios de marzo. Faise unha "cama quente" para favorecer a xerminación e cóbrense con túneles de lámina de plástico, que foron substituíndo as cubertas de palla utilizadas tradicionalmente.

Culminada a xerminación, o transplante ás parcelas de cultivo realízase a partir de mediados do mes de maio. A rega debe ser "ao pé", xa que doutra forma danaría a flor, ou tamén o froito. A fertilización estará orientada a manter o equilibrio e os niveis de nutrientes no solo e na planta.

A recolección iníciase a finais do mes de xullo, prolongándose ata principios de outubro. Realízase de forma manual, con anterioridade á maduración do froito e no momento en que, a xuízo da experiencia dos agricultores, estean presentes as condicións idóneas para a súa comercialización.

Escolmaranse as mellores plantas, e as súas sementes serán sementadas posteriormente para asegurar a perduración do ecotipo.

Os pementos recollidos serán trasladados en remolques ou colectores ríxidos, evitando esmagalos, ata o almacén manipulador.

Calidade:

Unicamente os pementos que se cultiven de acordo coas condicións establecidas, nas plantacións e polos produtores inscritos no correspondente rexistro, poderán ser amparados pola I.X.P. "Pemento de Oímbra".

Por parte do órgano de control hase levar, permanentemente actualizado, un rexistro de produtores e plantacións. Todas as persoas físicas ou xurídicas inscritas no rexistro, as plantacións, os almacéns, as industrias e os produtos estarán sometidos ás inspeccións e verificacións realizadas polo órgano de control co obxecto de comprobar que os produtos certificados cumpren cos requisitos de orixe e calidade.

Os pementos acollidos á I.X.P. serán sometidos a unha esmerada selección para a obtención dun produto de calidade superior, tras a que se presentarán: enteiros e firmes, coa forma, desenvolvemento e coloración normais, sans, exentos de manchas, limpos e exentos de materias estrañas visibles, provistos de pedúnculo e exentos de humidade exterior anormal.

Tanto na etiqueta comercial coma na etiqueta propia da indicación figurará obrigatoriamente a mención Indicación Xeográfica Protexida "Pemento de Oímbra".

Presentacións:

A comercialización dos pementos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida "Pemento de Oímbra" será en lotes homoxéneos tocante á calidade, estado de madureza e coloración. A presentación realizarase en bolsas de malla con pesos de 1 kg a 5 kg, ou en caixas de cartón con capacidades de 5 kg a 10 kg.

Este pemento, polo seu aspecto e colorido, é moi parecido ao de Arnoia; de feito, se non se coñece a súa orixe, confúndense con facilidade.

sumario

festas

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía