Gastronomia de Galicia 

Grelos de Galicia

 

<< volver

Orixe e produción

Temporada:

Tradicionalmente, a sementeira realízase a partir de mediados de agosto, con tempo fresco, en datas variables en función da zona de produción e da precocidade da variedade. Realízase principalmente durante os meses de agosto, setembro, outubro, novembro e decembro.

Produción:

A sementeira efectúase a man e ao chou, procurando que o reparto sexa uniforme e a unha profundidade de 2-3 cm. A dose de semente variará entre 1 kg/ha e 10 kg/ha, en función da zona de produción e do uso que se faga do cultivo.

A fertilización será a axeitada co fin de manter o equilibrio e os niveis de nutrientes no solo e na planta, tendo en conta o nivel de fertilidade do solo, as extraccións do cultivo e o estado nutricional da planta.

Se fose necesaria a intervención química nos tratamentos, empregaranse aquelas materias activas que xeren o menor impacto ambiental, con maior eficacia, menor toxicoloxía, menores problemas de residuos e de resistencia e o menor efecto sobre a fauna auxiliar.

A rega lévase a cabo na época crítica de falta de auga que se produce nas primeiras fases de cultivo, aos 4-5 días da sementeira, durante a xerminación, sobre todo se esta se realiza en agosto, cando é frecuente a seca estival -máis acusada no interior da comunidade-.

A recolección será manual, preferiblemente en horas frescas. O manexo debe ser moi coidadoso para previr danos nas follas, o cal afecta á aparencia e constitúe unha posible fonte de entrada de microorganismos causantes de enfermidades.

Cando o produto estea destinado á industria de transformación tamén se poderá recoller o cultivo empregando medios mecánicos. Se a densidade de semente é moi elevada realízase un rareo; se non simplemente se cortan as follas e os talos. A partir dos dous meses aprovéitanse os talos florais, xusto antes de que se produza a floración. Cando o que se pretende é obter unha boa colleita de grelos, é preferible non facer un aproveitamento previo de nabizas. Unha vez recollidos, haberá un rebrote que se pode prolongar ata o mes de marzo ou abril.

O transporte efectúase o mesmo día da recolección e con sumo coidado para non danar o produto. Os grelos deberán chegar ao almacén manipulador ou á industria transformadora, como sexa o caso.

Orixe:

A zona de produción esténdese a todos os municipios da Comunidade Autónoma de Galicia. A zona de transformación e envasado coincide coa zona de produción.

A orixe das dúas variedades de produción é a das dúas zonas principais de produción de Grelo en Galicia (Santiago e Lugo), polo que é posible falar de dous grandes ecotipos dos que se obtiveron as variedades comerciais rexistradas "Grelos de Santiago" e "Globo branco de Lugo". A maioría dos expertos afirman que a planta é nativa de Europa; non obstante, son moitos os que seguen a pensar que é orixinaria de Asia.

 

Sumario

Relacionados

receitas

 

Información seleccionada por la Academia Galega de Gastronomía