Gastronomia de Galicia 

Castaña de Galicia

 

<< volver

Historia e curiosidades

As análises polínicas indican que a presenza do castiñeiro en Galicia se remonta polo menos ao Plistoceno. Porén, foron as lexións romanas as que introduciron o seu cultivo, que se xeneralizou paulatinamente por toda a rexión.

Existen documentos que relatan as colonizacións feitas nos séculos X e XI polos frades beneditinos de Celanova, nas terras da Limia, Verín e Ramirás, nas que introducen, ao mesmo tempo que o cultivo do viño, a plantación de novos soutos ou castañais. Os documentos máis significativos son, sen dúbida, os contratos forais nos que os señores monásticos lle conceden unha terra a un foreiro coa obriga expresa de "facer, chantar ou poboar un souto".

Noutras ocasións, os señores mesmo esixen que se planten ou fagan castañas en tal ou cal sitio, é dicir, utilizan o nome do froito e non da árbore, o que non deixa de ser indicativo de onde radicaba o maior interese polo cultivo desta especie.

A importancia dos soutos en Galicia e a súa constante presenza ao longo da historia queda patente na toponimia e na antroponimia galegas e nos estudos sobre a paisaxe agraria galega, entre os que cabe salientar a magna obra de Abel Bouhier: La Galice. Essai géographique d'analyse et d'interpretation d'un vieux complexe agraire. Para Bouhier, os castañais constitúen un dos elementos máis importantes da paisaxe natural e, concretamente, da paisaxe agraria galega.

Entre as referencias bibliográficas, hai que resaltar a mención que fai Alexandre Dumas na súa novela De París a Cádiz, escrita en 1847, en relación á calidade das castañas de Galicia.

Manuel Puga y Parga, alias "Picadillo", no seu libro La Cocina Práctica, publicado en 1905, recolle varias receitas nas que a castaña é a protagonista; entre elas destacan os marrons glacés.

Antes do descubrimento de América e, xa que logo, antes de que en Galicia houbese patacas, o alimento que as substituía era a castaña, que, simplemente cocida cuns chourizos ou incluídas no cocido, resultan un alimento exquisito.

Sumario

relacionados

sobremesas típicas

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía