Gastronomia de Galicia 

Castaña de Galicia

 

<< volver

Cómo recoñecela e dimensións

Produción:

A caída do froito prodúcese de forma espontánea e a recolección realízase de forma manual, nun prazo non superior a 48 horas tras a caída. Introdúcense en recipientes perfectamente identificados e que permitan unha ventilación axeitada. O transporte ao almacén debe realizarse en vehículos adecuados dentro das 48 horas posteriores á recolección.

Os froitos recollidos sométense a procesos de selección, limpeza e calibrado, co fin de asegurar que reúnan as características que lles confire a súa especificidade.

Os produtos transformados amparados pola I.X.P. son: castaña conxelada, castaña seca, castaña ao natural e fariña de castaña. Os procesos de elaboración deberán respectar as especificacións técnicas definidas no prego de condicións.

Calidade:

As características que se lle esixen ao froito protexido pola I.X.P. "Castaña de Galicia" unha vez recollido son:

Humidade mínima do 50 % e humidade máxima do 60 %.

Porcentaxe máxima de froitos tabicados: 12 %.

Porcentaxe mínima de carbohidratos: 55 %.

Número máximo de froitos por quilogramo non superior a 120 no caso de produto fresco e a 200 no caso de produto conxelado.

En cada envase de castañas I.X.P. "Castaña de Galicia" admitiranse un máximo dun 5 % de froitos que non cumpran as especificacións.

Presentacións:

As presentacións comerciais poderán ser as seguintes:

En fresco: as castañas deberán presentarse enteiras, sas, limpas, sen xerminar e exentas de sabores ou olores estraños.

Conxeladas: o proceso de conxelación atende exclusivamente á ampliación do período de conservación do produto, sen que se trate en sentido estrito dun proceso de transformación. Xa que logo, as castañas conxeladas deberán presentarse coas mesmas características que o produto en fresco.

As "Castañas de Galicia" comercialízanse en fresco en embalaxes de rede, rafia ou tea de saco de 500 g, 1 kg, 2,5 kg, 5 kg, 10 kg, 15 kg e 25 kg. Poderanse contemplar outros formatos, sempre que non se comprometa a calidade do produto.

Nas etiquetas dos produtos transformados (como puré de castañas, crema de castañas, castañas en xarope, castañas en alcohol, marron glacé, bombón de marron glacé...) poderase indicar que o produto se obtivo a partir da I.X.P. "Castaña de Galicia" sempre que o transformador se someta ás verificacións efectuadas polo órgano de control e cumpra as normas que se establezan con vistas á identificación das partidas do produto.

Sumario

relacionados

sobremesas típicas

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía