Gastronomia de Galicia 

Mel de Galicia

 

<< volver

Historia e curiosidades

Historia:

En Galicia, a apicultura tivo a súa máxima expansión antes da entrada do azucre. O mel considerábase un alimento de grande interese polo seu poder edulcorante, cunhas propiedades medicinais contrastadas.

No Catastro de Ensenada dos anos 1752-1753 indícanse para Galicia un total de 366 339 colmeas tradicionais, trobos ou cortizos, que se conservan aínda en moitos lugares. Este dato indica claramente a importancia da apicultura en Galicia dende a antigüidade e quedou reflectida na toponimia galega.

O trobo, albeiro, abellariza, alviza ou alvariza é unha construción rural ao descuberto de forma ovalada, circular e, de cando en cando, cuadrangular, conformada por muros altos co fin de protexer as colmeas e dificultar a entrada de animais (principalmente osos). Estas construcións, como reflexo da época, permanecen visibles e, nalgúns casos aínda utilizables, en moitas áreas de montaña, sobre todo nas serras orientais dos Ancares e do Courel, na serra do Suído, etc.

O comercio do produto limitábase ás festividades locais de carácter outonal, ao ser o mel de produción estacional e só dunha colleita ao ano.

No ano 1880 o párroco de Argozón (Chantada, Lugo), D. Benigno Ledo, instala a primeira colmea mobilista e, logo dalgúns anos, constrúe a primeira colmea para a multiplicación por división -cría de raíñas, etc.- á que denominou colmea-viveiro.

Como dato acreditativo da súa importancia para a apicultura, non só galega senón tamén española, basta dicir que no libro de Roma Fábrega sobre a materia se cita que o primeiro español con colmeas mobilistas foi o galego "cura das abellas", don Benigno Ledo.

O primeiro traballo sobre apicultura publicado en Galicia correspóndelle, posiblemente, a D. Ramón Pimentel Méndez (1893), co seu Manual de Apicultura, escrito expresamente para os apicultores galegos.

O grande auxe da apicultura moderna non comeza ata 1975, data na que, grazas ao labor das asociacións de produtores, se producen as primeiras modificacións substanciais nos coñecementos dos apicultores e no sistema tradicional de explotación apícola. O elemento principal deste cambio é a trasfega de colonias de abellas, de colmeas fixistas a colmeas mobilistas.

Sumario

Relacionados

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía