Gastronomia de Galicia 

Mel de Galicia

 

<< volver

Produción

Métodos de obtención:

As prácticas de manexo na colmea serán as que tendan a conseguir as mellores calidades dos meles amparados pola indicación xeográfica. En todo caso, as colmeas non serán sometidas a ningún tratamento químico durante o tempo de recollida de mel, e durante o mesmo espazo de tempo as abellas non recibirán alimento de ningún tipo.

O desabellado dos panais poderá facerse polos métodos tradicionais, preferentemente con escape de abellas ou aire, sen utilización abusiva do afumador, e nunca empregando produtos químicos repelentes para as abellas.

A extracción do mel poderá facerse por centrifugación ou decantación, pero nunca por prensado. Polo xeral, nas nosas latitudes, a recollida do mel adóitase facer entre os meses de xullo e setembro.

O mel, unha vez extraído e pasado por un filtro dobre, someterase a un proceso de decantación, procedendo á desespumación do mel antes de ser almacenado e envasado.

A homoxeneización do mel pódese facer cun instrumento manual ou mecánico a poucas revolucións, de maneira que non se alteren negativamente as características do produto.

O envasado do mel efectuarase nas instalacións inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador.

O peche dos envases deberá ser hermético, sen que permita a perda de aromas naturais nin a adición de olores, humidade ambiental, etc. que puidesen alterar o produto.

Zona de produción:

A zona de produción, procesado e envasado dos meles amparados pola Indicación Xeográfica Protexida "Mel de Galicia" abrangue todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con todo, segundo o tipo de mel, podemos distinguir varias zonas.

EUCALIPTO

A zona de produción deste mel esténdese sobre todo polas Rías Baixas, na comarca da Coruña, en Ferrolterra e na Mariña Lucense.

CASTIÑEIRO

Prodúcese principalmente nos soutos de Lugo e Ourense (destacando as comarcas de Fonsagrada, A Ulloa, Ancares, Courel, Serra de Manzaneda, San Mamede, Invernadoiro, Val do Sil, Birlo, Valdeorras e a franxa ourensá).

Na provincia da Coruña, a zona norte e as comarcas que lindan coa provincia de Lugo son as mellores para producir este mel.

QUEIROGA

Entre as zonas de maior produción deste tipo de mel destacan A Fonsagrada e O Courel (Lugo), a Serra da Capelada, a comarca das Pontes, no leste da provincia da Coruña, e as comarcas orientais da provincia de Ourense.

SILVA

As principais zonas de produción están no sur da provincia de Lugo (comarca de Lemos e Sarria), no centro-sur da provincia de Ourense e, ocasionalmente, nalgúns lugares da provincia da Coruña.

Sumario

Relacionados

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía