Gastronomia de Galicia 

Protagonistas

 

<< volver

Turismo mariñeiro: o duro oficio do pescador

Madrid, 8 A.M. Milleiros de persoas acoden aos seus postos de traballo e outros tantos acaban de iniciar a súa xornada laboral.

Cangas (Pontevedra), mesma hora. Un grupo de mariñeiros e turistas áchanse no mar realizando labores de pesca dende aproximadamente as 5 A.M. Preparado para embarcares en alta mar?

 

Os mariñeiros realizan o seu traballo, pero, que fan aí os turistas? Estas persoas -probablemente afeitas a xornadas laborais de oficina-, fanse un día ao mar para compartiren con patrón e pescadores as súas aventuras no mar: como se desenvolven no seu interior, as manobras de navegación, os aparellos de pesca e algunhas das lendas que sempre xorden en terras galegas.

Tres confrarías de pescadores -«San Xosé» de Cangas, «San Martiño» do Grove e «San Telmo» de Pontevedra- forman parte de Pescanatur, unha iniciativa  de turismo mariñeiro coa que se pretende «dar a coñecer e poñer en valor o mundo do mar», apunta Lorena Fernández, Coordinadora de Educa Mare, que está dentro do Consorcio Pescanatur.

Dende o 2006, este modelo de turismo sustentable permite vivir a realidade da pesca e o marisqueo artesanal en primeira persoa. «Decátanse do duro e complicado que é o traballo no mar. Quedan encantados coa experiencia, o trato recibido polos mariñeiros e mariscadoras, xa que son eles mesmos os que fan de guías nas actividades, os que lle amosan a paisaxe, etc.», comenta Lorena.

 
Turismo pesqueiro, turismo mariñeiro, pescanatur

Os turistas poden escoller entre diferentes rutas, que ademais varían de horarios segundo a confraría que realice a actividade. As anécdotas sucédense constantemente, sobre todo pola inexperiencia das persoas que participan nas actividades. «Unha vez un mariñeiro preguntoulle a un turista como mataría un polbo, e o turista empezoulle a dar golpes, no canto de cravarlle un coitelo».

A Ruta de Pesca de Baixura -«actividade pola que se decanta a meirande parte dos turistas»-, presenta unha das xornadas de traballo máis duras. De xullo a decembro presenta unha xornada de pesca que pode durar dende as 17.30 da tarde ata as 6 da mañá, «malia que o patrón ofrece a posibilidade de traer os turistas a terra a media noite».

Outra das rutas en barco leva o nome de «marisqueo a flote e recursos específicos», e nela péscase -entre outros alimentos- o percebe.

Ambas as rutas, xunto coa Ruta pola praia, onde as mariscadoras explican e mesmo dan un pequeno curso práctico dos diferentes tipos de ameixa e berberecho «que se recollen nos distintos buratos que estes bivalvos deixan nas praias», rematan na lonxa de contratación, onde chega todo o peixe e marisco recollido durante a xornada e se prepara para a súa posterior poxa.

«A tempada na que máis turistas deciden participar nas nosas actividades é a época estival, dende xuño a outubro (pola Festa do Marisco), animados -en parte- polo bo tempo», explica Lorena Fernández. «No inverno é máis complicado, xa que dependemos do factor climatolóxico».

«Esta iniciativa fai que valoren máis o noso traballo xa que se decatan das madrugas que hai que facer para poder ir á pesca, do frío que pasan, de que teñen que traballar baixo a chuvia, ou metidos na auga no inverno, etc.», apunta a coordinadora de Educa Mare. De feito, as saídas sempre se realizan de luns a venres en días laborables, para que a actividade se axuste o máis posible á realidade.

E logo da dura xornada pesqueira, por que non degustar algunha das tradicionais receitas mariñeiras? A Ruta Gastronómica  permíteche probares estas receitas nun dos restaurantes asociados, xa que é «a mellor maneira de rematar un día perfecto de mar». Levamos áncoras, mariñeiros?

 
 

Cofradía San Xosé de Cangas

 
 
Cofradía San Martiño do Grove
 
 
Cofradía San Telmo de Pontevedra