Gastronomia de Galicia 

Tenreira Galega

 

<< volver

Cómo recoñecela

Cómo recoñecela:

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega ampara e certifica tres tipoloxías de carne: Ternera Gallega Suprema, Ternera Gallega e Añojo.


Os tenreiros de "Suprema" diferéncianse en que a base da súa alimentación é a lactación materna, que se mantén practicamente ata o seu sacrificio, complementándose con forraxes, cereais, nabos, patacas e concentrados de máxima calidade. A idade media de sacrificio anda polos oito meses.

Os tenreiros "Ternera Gallega" destétanse a distintas idades e a súa alimentación baséase en forraxes e concentrados procedentes de vexetais. A idade do sacrificio é inferior aos dez meses.

Añojo: Animal que se destina ao sacrificio con idades comprendidas entre os dez e os dezaoito meses.

Calidade:

O selo de calidade de Ternera Gallega garante que os animais foron alimentados segundo as peculiaridades típicas que marcaron secularmente a produción cárnica galega. En todo caso, queda expresamente prohibido o emprego de produtos que poidan interferir no ritmo normal de crecemento e desenvolvemento do animal, así como o de derivados de animais reciclados.

O transporte deberá realizarse en vehículos adecuados. Os animais deberán chegar ao matadoiro co crotal de identificación co que foron inscritos.

O matadoiro poderá expedir canais, medias canais ou os seus cuartos ás salas de despezamento inscritas nos rexistros e aos comerciantes polo miúdo. Nas salas de despezamento, o despezamento das canais e os cortes das pezas protexidas pola Denominación non poderá ser simultáneo co doutras canais e pezas non protexidas. O almacenamento deberá realizarse de forma que non conduza a confusións con outras pezas e as súas porcións. As canais non poderán ser conxeladas. O selado e certificación serán realizados polos controladores do Consello Regulador.

Presentacións:

O certificado de garantía e as contraetiquetas de certificación de Ternera Gallega Suprema son de cor rosada e neles especifícase a palabra SUPREMA. Para a Ternera Gallega son de cor amarelo e neles especifícase a palabra TERNERA. Para o añojo son de cor azul e neles especifícase a palabra AÑOJO.