Gastronomia de Galicia 

Ameixa

Ameixa
 

<< volver

Orixe e pesca

Tempada:

A ameixa fina recóllese nos meses de maio, xuño e xullo. A ameixa xaponesa, ameixa babosa e ameixa rubia recóllense entre os meses de maio e agosto. De todas as maneiras, pódense encontrar ameixas durante todo o ano nos mercados procedentes doutras zonas. Os meses de maior produción adoitan ser xullo, decembro e xaneiro, que coinciden coa época de maior demanda.

Orixe:

As orixes da ameixa poden ser distintas segundo a especie. Para a ameixa fina Noia é a principal orixe con diferenza. Para a ameixa xaponesa, Carril -e algo menos O Grove- son as principais orixes. A principal orixe da ameixa babosa e da ameixa rubia é a Illa de Arousa e en ambas as dúas marxes da ría de Vigo.

Arte de pesca:

A captura da ameixa realízase de dúas formas: a primeira ten lugar na zona intermareal, removendo a area utilizando sachos, rastros ou anciños, modalidade denominada marisqueo a pé, que é o xeito máis habitual de captura. A outra forma de pesca é utilizando un rastro de vara dende unha embarcación, modalidade denominada marisqueo a flote. A ameixa rubia captúrase unicamente dende embarcacións.

Reprodución:

Os machos e as femias maduras liberan os seus espermas e óvulos no mar, onde ten lugar a fecundación.