Pataca de Galicia

Historia

As primeiras noticias respecto á pataca en Galicia proveñen dos preitos que mantiñan os campesiños e os perceptores do décimo, cuxo valor tiveron que pagar os labregos ata 1837. Non obstante, existen mencións á pataca dende datas máis temperás. Xa na segunda metade do século XVI a pataca era coñecida en Galicia e plantábase nas hortas do Mosteiro de Recoletos de Herbón.

 

 
Pataca de Galicia

 

É a partir do século XVIII cando se empeza a xeneralizar o seu cultivo, sobre todo pola provincia de Lugo: Viveiro (1736), Paradela (1756), Vilalba (1760), entre outros municipios galegos.

A expansión da pataca serviu para mellorar a situación do campesiñado, reforzando o autoconsumo. O campesiño galego só botou man con cautela da pataca na medida en que o podía axudar a paliar a súas dificultades. Porén, o clima da área de produción da pataca e os coidados artesanais déronlle unhas características especiais a este alimento básico.