Gastronomia de Galicia 

Monterrei

Denominación local: Monterrei

A denominación de orixe Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe existentes na Comunidade Autónoma galega. Xeograficamente atópase situada ao sur-leste da provincia de Ourense, moi preto da fronteira con Portugal.

A elaboración dos viños protexidos realízase exclusivamente con uvas das seguintes variedades:

a) Variedades preferentes:

- Brancas: Dona Branca, Godello e Treixadura.

- Tintas: Mencía e Merenzao.

b) Variedades autorizadas:

- Brancas: Albariño, Branca de Monterrei, Caíño branco e Loureira.

- Tintas: Araúxa (Tempranillo), Caíño tinto e Sousón.

Na superficie amparada por esta Denominación de Orixe estase a levar a cabo unha profunda reestruturación, coa substitución das vides autorizadas por variedades preferentes, predominando a Mencía nas tintas e a Treixadura e o Godello ou Verdello nas brancas. Nestas plantacións de nova execución non só se cambian as variedades senón tamén a forma de condución, pasando principalmente de vaso grego á de espaller.

Os solos profundos e fértiles, formados por sedimentos non moi antigos (Mioceno a Cuaternario) de materiais silíceos procedentes das zonas máis elevadas, xunto co clima, de marcados trazos mediterráneos, inusualmente seco para ser Galicia, e de cálidos veráns, constitúen un medio moi adecuado para que a viña prospere e ofreza produtos de alta calidade.

<< retorno