Gastronomia de Galicia 

Agricultura ecolóxica

Agricultura Ecolóxica de Galicia

Denominación local: Agricultura Ecolóxica.

Introdución:

A agricultura ecolóxica é unha forma alternativa de enfocar a produción agraria que se basea no respecto pola contorna que nos rodea para producir alimentos sans e de máxima calidade. Con ese fin empréganse unha serie de técnicas que deben:

  • Integrarse no agrosistema de xeito que non causen impactos ambientais.
  • Potenciar a fertilidade do solo e a capacidade produtiva, garantindo a continuidade da produción agraria.
  • Respectar os ciclos naturais dos cultivos e proporcionarlles aos animais unhas condicións de vida saudables.
  • Non lles engadir aos alimentos substancias que resulten prexudiciais para a saúde ou que diminúan a súa capacidade alimenticia.

Esta práctica garante o equilibrio co ecosistema, evitando o emprego de produtos químicos, coma os fertilizantes. Así, o consumidor de produtos ecolóxicos galegos terá a certeza de que está a degustar alimentos máis saudables, nutritivos e satisfactorios.

Descrición:

A agricultura ecolóxica é un sistema de produción de alimentos baseado no respecto polo medio, polo benestar animal e polo mantemento e a mellora da fertilidade do solo. Emprega practicas que fomentan o equilibrio do ecosistema, evitando ou excluíndo case todos os produtos químicos, coma os fertilizantes, os fitosanitarios, etc., e utilizando en cambio técnicas de rotación de cultivos, fertilizantes verdes, control biolóxico das pragas e aumento da biodiversidade.

As etapas de produción van dende a produción primaria ata o almacenamento, transformación, transporte, venda e subministro dun produto ecolóxico ao consumidor final.

Esta produción agraria ecolóxica ou biolóxica constitúe un método diferenciado de produción de alimentos que está regulado, co fin de asegurar a transparencia en todas as fases, tanto na mesma produción coma na elaboración e na comercialización.

relacionados

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía 

<< retorno