Gastronomia de Galicia 

Botelo galego

Botelo galego

Denominación local: Botelo Galego ou butelo.

Introdución:

O Botelo, coñecido tamén nalgunhas zonas de Galicia como Butelo, é o produto cárnico resultante da mestura de, polo menos, un 70 % de costela, con cortizas, espiñazo, magro, queixada e outros ósos con carne, obtidos a partir de despezamentos de porco, convenientemente adubados e embutidos en cegos, estómagos ou vexigas, tamén de porco.

Posteriormente, sométense a un proceso de afumado con leña de carballo (Quercus robur L.) e de curado.

A materia prima procederá de machos castrados ou femias que non estean en celo no momento do sacrificio.

Descrición:

O botelo galego, amparado pola Indicación Xeográfica Protexida, deberá ter unha forma e aspecto exterior definidos pola forma da tripa, coa textura e rugosidades propias dela. A súa forma será ovalada no caso dos cegos e en forma de bolso no caso dos estómagos ou vexigas.

A tripa non se separará da masa. O envoltorio non terá roturas e estará totalmente recheo coa masa e ben adherido a esta.

A súa consistencia debe ser firme e compacta ao tacto. Ao corte presentará un aspecto heteroxéneo e non moi ligado. De cor vermello intenso, definido pola materia prima e os condimentos. Non presentará tons amarelados que denoten oxidación. O aroma será intenso a embutido adubado e afumado.

Unha vez preparado para o consumo, predominará o olor a magro cocido. O seu sabor será agradable, picante e cunha equilibrada relación doce/salgado. A súa textura será fibrosa e non homoxénea, dependendo da porción que se deguste.

sumario

relacionados

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía 

<< retorno