Gastronomia de Galicia 

Faba de Lourenzá

Faba de Lourenzá - E. Castro Bal

Denominación local: Faba de Lourenzá (Phaseolus vulgaris, L).

Introdución:

Os produtos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida "Faba de Lourenzá" son feixóns secos (chichos ou "fabas") separados da vaíña procedentes da familia das fabáceas ou leguminosas, especie Phaseolus vulgaris, L, da variedade local coñecida como "Faba Galaica"; sas, enteiras, limpas e destinadas ao consumo humano.

A "Faba Galaica" presenta unhas características cualitativas que a diferencian doutros feixóns e que fan que sexa moi demandada polos consumidores debido á súa excepcional calidade culinaria, motivada pola súa escasa proporción de pel -entre o 8 % e o 10 %-, a súa elevada capacidade de absorción de auga -superior ao 100 %- e o seu comportamento en cocción. Ao final do proceso conséguense grans enteiros e completos, nos que destaca a pastosidade da súa polpa, exenta de grumos e apenas diferenciada da pel.

Descrición:

A planta posúe un porte indeterminado, rubideira ou de enrame e con tutelos longos. Follaxe con elevada densidade, follas de cor verde, tamaño grande e bruscamente acuminadas.

A vaíña é de cor verde no seu estado inmaturo e de cor crema amarelada con manchiñas encarnadas ou violáceas na madureza. De superficie lisa, perfil arqueado, ápice afiado e dente apical arqueado, marxinal e longo, que presenta febra, pergamiño e sección elíptica.

A flor é branca. No seu estado maduro presenta unha cor amarelada e pódenlle aparecer lixeiras veas de cor violácea.

O gran non ten debuxo; é de cor branca uniforme, tamaño moi grande (80-120 g/100 sementes), con forma de ril, longo e medio cheo. A súa humidade atópase entre o 14 % e o 17 %.

<< retorno