Gastronomia de Galicia 

Pemento de Herbón

Pemento de Herbón, Pemento de Padrón

 

Denominación local: Pemento de Herbón (Capsicum annuum,L.) e máis coñecido como pemento de Padrón.

Os pementos amparados pola Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.) "Pemento de Herbón" son os froitos da especie Capsicum annuum, L., procedentes dos ecotipos locais da variedade "Padrón".

Unha das características organolépticas máis salientables do "Pemento de Herbón" refírese a que non todos os froitos presentan sabor picante, senón que este aparece ocasionalmente ("Os pementos de Padrón uns pican e outros non", de acordo coa coñecida frase popular referida a este produto). É unha sensación lixeira, xa que os produtores se esmeran en escolmar o produto, eliminando aquelas plantas e froitos con sabor picante máis intenso.

O nome da denominación "Herbón" é o topónimo da parroquia do concello de Padrón na que se sitúa o mosteiro co que se vincula a introdución deste produto procedente de América.

Descrición:

As plantas son de consistencia herbácea, moi ramificadas, de porte medio-alto (alcanzando uns 80 ou 100 cm en cultivo ao aire libre e uns 150 ou 200 cm en cultivo baixo cuberta) e de ciclo semiprecoz, con follas pequenas, lanceoladas e de elevada floración.

As características do froito varían durante o proceso de maduración, polo que a recolección e a comercialización dos pementos amparados pola D.O.P. "Pemento de Herbón" realízase cando o produto presenta as características seguintes:

  • Forma: froito curto (tipo C4, segundo a clasificación de Pochard), alongado, con tres ou catro lóbulos no ápice.
  • Peso aproximado: entre 3,5 g e 4,5 g por unidade.
  • Lonxitude aproximada do froito: entre 3,5 e 5,5 cm.
  • Diámetro máximo (anchura): entre 1,5 e 2 cm.
  • Ápice: afundido.
  • Lonxitude do pedúnculo: entre 3,5 e 6 cm.
  • Pel: lisa e brillante, de cor verde, lixeiramente claro.
  • Grosor da parede intermedia ou carne: presenta un grosor fino de aproximadamente 1,5 mm.
  • Sección lonxitudinal: trapezoidal.
  • Relación peso do froito / peso semente (relación entre o peso do froito libre de sementes, o pedúnculo e o cáliz e o peso das mesmas sementes): 3,2 (valor medio).
  • Cata: aroma de intensidade moderada, de sabor doce, que pode ser lixeiramente picante.

Sumario

Relacionados

Festas

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía 

<< retorno