Gastronomia de Galicia 

Mel de Galicia

Denominación local: Mel de Galicia

Introdución:

O clima especialmente benigno de Galicia, con choiva abundante ao longo de todo o ano, o solo granítico e a influencia dos ventos e aires mariños, dan lugar a unha flora rica e variada, que permite tanto a produción de mel monofloral como a dun abano de mel de milflores.

Non hai un mel igual ca outro e a súa cor varía dende o branco acuoso, pasando polo ámbar, ata o marrón escuro.

Tipos de Mel:

Aínda que o Mel de Galicia é unha denominación única, no seu seo atopamos diferentes sabores, texturas e padais, dependendo das flores que lle dan a súa orixe.

Unha gran maioría do mel galego é de milflores. Na súa elaboración non predomina unha orixe concreta e procede das diversas flores dos arredores da colmea. Pero, ademais, en Galicia prodúcense algúns saborosos tipos de mel monofloral.

EUCALIPTO

O eucalipto, como resultado das intensivas repoboacións practicadas, marca decisivamente a produción de mel da costa galega. O mel do eucalipto é de cor ámbar, sabor suave e aromas céreos.

CASTIÑEIRO

Nas comarcas galegas do interior, a especie arbórea de maior interese para a elaboración do mel é o castiñeiro. Este mel é escuro, de sabor intenso e de fortes aromas a flor.

QUEIROGA

Unha gran parte do territorio galego está cuberto de matogueira. A queiroga é precisamente a planta deste tipo de vexetación que permite unha maior produción de mel monofloral. Elaborado nas zonas de montaña, o mel de queiroga caracterízase pola súa coloración escura, cuns tons vermellos, e un sabor duradeiro e lixeiramente amargo.

SILVA

A abundante aparición de matogueiras mixtas de plantas rosáceas, entre as que sobresaen pola súa presenza as silvas, permite a produción de meles monoflorais. O mel de silva adquire en Galicia cores escuros, sabores fortes e doces e aromas froiteiros.

Sumario

Relacionados

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía 

<< retorno