Gastronomia de Galicia 

Mexillón de Galicia

Mexillón de Galicia

 

O mexillón galego (Mytilus galloprovincialis) é un molusco bivalvo que vive en estado silvestre, formando comunidades máis ou menos numerosas na zona de mareas ou por debaixo delas, mais sempre en sitios de pouca profundidade. Atópase suxeito ás rochas, ás que se adhire por medio do biso. Este sistema de fixación é aproveitado polos mitilicultores galegos para que se agarre ás cordas que penden das bateas e conseguiren así un mexillón da máxima calidade, cun elevado rendemento en vianda e libre de areas e lodos, o MEXILLÓN DE GALICIA.

O mexillón é un animal de sexos separados. Cando está maduro, o macho verte os espermatozoides na auga e ten lugar a fecundación dos óvulos maduros no interior das femias. As larvas producidas -unhas 800 000 por femia- fan vida peláxica durante uns días namentres completan o seu desenvolvemento para, posteriormente, se fixaren a un substrato mediante os filamentos do biso.

O Mexillón de Galicia aliméntase por filtración, aproveitando o fitoplancto que se atopa na auga do mar. A súa capacidade de filtración é excepcional, chegando a filtrar ata 8 litros de auga cada hora.

Como alimento, o Mexillón de Galicia é unha fonte proteica de excelente calidade, cun valor nutritivo similar ao da pescada, a lagosta e a maioría dos animais mariños comestibles.

Sumario

Relacionados

Festas

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía

<< retorno