Gastronomia de Galicia 

Augardente

Augardente

Denominación local:  Augardente

Descrición:

O Regulamento comunitario 1576/89 define a augardente ou marc, como a "bebida espirituosa obtida a partir de bagazos de uva fermentados e destilados, ben directamente por vapor de auga, ben logo de adición de auga, aos que lles puideron engadir lías nunha proporción que se determinará, sendo efectuada a destilación en presenza dos propios bagazos a menos de 86% volume, cun contido en substancias volátiles igual ou superior a 140 g/Hl de alcohol a 100% volume e cun contido máximo de alcohol metílico de 1000 g/Hl de alcohol a 100% volume".

A Augardente de Galicia é unha augardente elaborada a partir de bagazos de viños obtidos nos viñedos situados en Galicia.

Os produtos que protexe a denominación son a augardente de bagazo e a augardente de bagazo envellecida.

Os sistemas e técnicas empregados na elaboración e o control dos procesos de produción  serán os tradicionais de destilación, mediante alquitara, alambique ou quentamento por vapor de auga, que permitan obter produtos de máxima calidade conservando as características específicas das augardentes de bagazo.

O sistema de envellecemento consiste na permanencia das augardentes de bagazo en envases de madeira, de forma estática, sen mesturas nin combinacións con outras augardentes durante todo o tempo de envellecemento. Os recheos, para cubrir as minguas que se producen, deberanse realizar con augardentes de bagazo que teñan o mesmo tempo de envellecemento.

Os envases de envellecemento son de madeira de carballo e con capacidade igual ou inferior a 1000 litros.

Calidade:

Para poder facer uso do nome da denominación, as empresas deberán inscribirse nos rexistros do Consello Regulador. Existe un rexistro de produtores de subprodutos de vinificación, de destiladores, de locais de envellecemento e de embotelladores.

Presentacións:

Á hora de consumir unha augardente debemos ter en conta dous factores importantes: a temperatura de servizo e a copa.

A temperatura de servizo para a augardente é entre 8 e 10º C e para a envellecida entre 15 e 18º C.

Respecto á copa, as de forma de lira ou tulipa parecen as máis axeitadas, especialmente se son augardentes novas. O colode frauta -nin moi estreito nin moi alto- é apropiado para unha boa valoración dos aromas. Algunhas augardentes cun longo envellecemento pódense degustar en copas tipo balón.

sumario

relacionados

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía 

<< retorno