Gastronomia de Galicia 

Outros licores

Outros licores de Galicia

Denominación local: Outros licores

Descrición:

Os licores son as bebidas hidroalcohólicas aromatizadas obtidas por maceración, infusións ou destilacións de diversas substancias vexetais naturais, con alcohois destilados aromatizados, ou por adicións de extractos, esencias ou aromas autorizados, ou pola combinación de ambos os dous, coloreadas ou non; cunha xenerosa proporción de azucre. Teñen un contido alcohólico superior aos 15º chegando a superar os 50º centesimais, diferenciándose das augardentes por teren maior contido de azucres.

Segundo a forma de elaboración podemos distinguir varios tipos de licores: aqueles que se elaboran cunha única herba, predominando no seu sabor e aroma. Os que están elaborados a partir dunha única froita, predominando tamén no seu sabor e aroma. E os producidos a partir de mesturas de froitas e/ou herbas.

Para a súa produción existen dous métodos principais: o primeiro consiste en destilar todos os ingredientes ao mesmo tempo, sendo despois esta destilación adozada, engadindo algunhas veces cor.

O segundo consiste en agregarlle as herbas ou froitas á destilación base.

Miguel Burgos no seu libro Arte de destilar publicado en 1824, define os licores como as preparacións compostas por augardente ou espírito do viño, azucre e o aroma ou zume extraído de certas substancias. Estás composicións sácanse por destilación ou por infusión. Deben agarimar o olfacto, a vista e o padal. Aos primeiros chámalles licores e aos segundos ratafías.

Na mesma publicación aclara que os destilados teñen a vantaxe de cargarse de toda a parte aromática das substancias de que se compoñen, libres do aceite esencial, que lles comunica acritude e enturba a súa diafanidade. Tamén nos aconsella utilizar auga pura para que non lle dea un sabor estraño ao licor, sendo mellor a destilada.

Máis recentemente Jorge Victor Sueiro no seu libro Galicia: Aguardientes, licores y queimadas, escribe: Con el aguardiente gallego de orujo se consiguen verdaderas maravillas en cuanto a licores. Están muy extendidas y rara es la casa gallega en la que no hay unas cerezas o unas guindas en aguardiente, para tomar una copita después de una comida especial o el día de una fiesta. Se suele hacer en la propia casa y las fórmulas son sencillas, aunque variadas.

sumario

relacionados

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía 

<< retorno