Gastronomia de Galicia 

Verzas

Verza galega

Verza (Brassica oleracea grupo acephala).

Denominación local: Verza, coella, coia, col. Covella: cando é nova. Guichos: son os brotes tenros. Troxo: é o canoto da verza galega, nalgunhas partes chámanos coeiro, colas ou covelleiro.

Introdución:

En Galicia, o cultivo de brásicas ten unha grande importancia, xa que estas hortalizas son a base da cultura e a dieta tradicional.

Debido á especial estrutura agraria de Galicia, caracterizada polo minifundio, á explotación de pequenas hortas familiares e a unha escasa mecanización, a expansión de variedades comerciais foi máis lenta ca no resto de España.

A verza constitúe un cultivo importante no sistema agrícola tradicional galego. En hortas familiares adoita dispoñerse en fila ao longo do linde da parcela e na mesma alternativa que outros cultivos hortícolas, normalmente patacas. As follas máis tenras aprovéitanse para consumo humano en cocidos ou caldos, en canto que se usan as follas máis maduras para forraxe animal.

As verzas son cultivos que permanecen no campo durante todo o ano; pódense sementar tanto na primavera coma no verán.

Descrición:

A verza é a verdura galega por antonomasia. Presenta unha morfoloxía característica: un porte ergueito con raíz axonomorfa, talo longo, cilíndrico, ergueito, lignificado e robusto, coa base semileñosa e cuberto de cicatrices foliares. As súas follas son enteiras, cerosas con pecíolo e talo longo, e as súas flores presentan coloración branca, amarela ou amarela pálida. Son plantas bianuais (en ocasións pódense manter en campo ata tres anos) e de polinización entomófila. As sementes son totalmente lisas e de cor parda.

Producen só un crecemento vexetativo e son incapaces de florecer ata que se someten a un proceso técnico. Son plantas rústicas, que prefiren os solos fondos, os climas suaves e húmidos das zonas da costa e que resisten mellor o frío que as altas temperaturas. Comprobouse que existe unha gran variabilidade xenética no xermoplasma galego e que as diferenzas entre as variedades son debidas, principalmente, ás condicións ecolóxicas e preferencias particulares de cada zona de orixe.

<< retorno