Gastronomia de Galicia 

Pataca

Pataca de Galicia

Denominación local: Pataca de Galicia (Solanum tuberosum L)

Introdución:

O produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida "Pataca de Galicia" ou "Patata de Galicia" defínese como os tubérculos da especie Solanum tuberosum L., da variedade cultivada "Kennebec", destinados ao consumo humano.

Debido ás condicións climatolóxicas, ás características dos solos e aos esmerados labores culturais que se dan nas subzonas produtoras de pataca, o produto obtido ten unha calidade culinaria excepcional.

A existencia dun período seco nos meses de agosto e setembro, con déficit hídrico no solo, fai que os tubérculos producidos perdan auga antes de ser recollidos e maduren perfectamente, formando unha pel uniforme e resistente que, unida á redución do contido de auga no tubérculo, axuda á súa conservación e aumenta a súa calidade culinaria.

Descrición:

As características particulares das patacas de consumo variedade Kennebec amparadas pola indicación xeográfica protexida "Pataca de Galicia" serán as seguintes:

- Forma dos tubérculos: de redonda a oval.

- Presenza de ollos moi superficiais.

- Pel de aparencia lisa e fina.

- Cor da pel: amarelo claro.

- Cor da carne: branco.

- Textura: firme ao tacto e cremosa ao ser cocida, consistente na boca.

- Calidade para consumo: excelente, destacando polo seu contido en materia seca e por manter as súas calidades de cor, aroma e sabor despois de seren cociñadas.

No apartado referente ás súas características analíticas, estas deben cumprir:

- Contido en materia seca superior ao 18%.

- Contido en azucres redutores inferior ao 0,4%.

sumario

relacionados

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía 

<< retorno