Gastronomia de Galicia 

Fabas

Faba

 

Denominación local: Feixón, feixó, faba, chichos ou xudía (con vaíña). (Phaseolus SPP.)

Introdución:

As fabas son as sementes feculentas, maduras e secas, extraídas das vaíñas, que medran nas plantas leguminosas do xénero Phaseolus.

As plantas das fabas producen tanto vaíñas verdes (tamén chamadas feixóns verdes ou fabas), que se consomen a modo de verdura tenra, como sementes maduras que se consomen polo xeral a modo de legumes.

As sementes secas extraídas das vaíñas sofren un proceso previo de remollo cunha finalidade múltiple: abrandamento das cáscaras, absorción de auga e inchazo dos cotiledóns, diminución do tempo de cocción, comezo da actividade de encimas, que reducen as concentracións de factores tóxicos ou antinutritivos, e comezo da hidrólise de proteínas e amidón.

En Galicia dispoñemos ademais dunha variedade con denominación de orixe, as Fabas de Lourenzá, cultivadas en trece concellos da Mariña lucense.

Descrición:

Planta da familia das leguminosas (Leguminosae Juss.), da subfamilia das Papilionideae. Pódese considerar como unha especie universal no seu cultivo, aínda que se realiza principalmente en rexións tropicais, subtropicais e mornas.

Dentro do xénero Phaseolus existen tres especies importantes. Unha das principais é o feixón común (Phaseolus vulgaris), de cor de pel variable (encarnada, negra e branca) e forma de ril. É a máis estendida e da que existen un gran número de variedades comerciais. Outra especie importante é o feixón pinto (Phaseolus coccineus), de forma de ril e cor vermella ou púrpura.

En España, a especie máis común denomínase feixón escarlata (Phaseolus multiflorus). Tamén encontramos os feixóns negros e as fabas, grandes, de cor branca cremosa e forma de ril, longa e aplanada.

Sumario

Historia e curiosidades

Curiosidades:

Dentro desta familia das leguminosas figuran numerosos xéneros e máis de 18 000 especies diferentes.

Historia:

O feixón común é orixinario de América latina, onde se lle atribúen dous centros de orixe: México-América Central e Perú-Ecuador-Bolivia. Aínda que en Europa, gregos e romanos coñecían unha especie afín ao feixón común, pódese afirmar case con toda certeza que foi introducida neste continente dende América no século XVI.

relacionados

Festas

  • Festa gastronómica de Interese Turístico de Galicia: Festa da Faba de Lourenzá· primeiro domingo de outubro en Lourenzá (Lugo)
  • Festa da Faba· Ponteceso (A Coruña)· Outubro, coincide con un día da feira clásica

 

Información seleccionada pola Academia Galega de Gastronomía 

<< retorno