Gastronomia de Galicia 

Camarón

camarón de Galicia

Foto cedida por Pescaderías Coruñesas

Camarón. (Palaemon Serratus)

Coñecido en Galicia co nome de esquía ou, segundo a súa procedencia, camarón de poza.

Introdución:

É un crustáceo decápodo de corpo longo e semitransparente. Vive en augas pouco profundas e tranquilas sobre fondos de rochas e algas. Pódese atopar mesmo nas pozas durante a baixamar. É moi frecuente descubrilos tamén entre as cordas das bateas.

É omnívoro; aliméntase de animais vivos ou mortos, de materiais en descomposición e de algas. Crese que vive de 5 a 6 anos e que as femias non alcanzan a súa madureza sexual ata o final do seu segundo verán de vida ou ata o comezo da súa terceira primavera.

Descrición:

Corpo longo e comprimido lateralmente. Na parte anterior, o cefalotórax é liso e globoso, máis curto que o abdome. Prolóngase frontalmente nunha espiña provista de dentes. Os ollos esféricos e bastante grosos. As anténulas teñen un estilocerito e dous flaxelos iguais e bastante longos, e as antenas, un escafocerito ben desenvolvido e un flaxelo longo e segmentado.

Na parte posterior, o abdome, longo e musculoso, remata nunha cola chamada "telson" que lle serve para tomar impulso nos seus desprazamentos pola auga. Posúe cinco pares de patas torácicas, das que as dúas primeiras rematan en pinza e as restantes en uña. No abdome ten uns apéndices preparados para nadar.

É de cor pálida e translúcida, con bandas escuras transversais no abdome. Ao cocelo toma unha cor vermella viva.

Sumario

 

Publicacións seleccionadas pola Academia Galega da Gastronomía

<< retorno