Gastronomia de Galicia 

Vieira

Vieira

Foto cedida por Pescaderías Coruñesas

Vieira. (Pecten maximus).

Coñecida en Galicia cos nomes de peregrina, cuncha de pelegrín, xacobea e cascarrón.

Introdución:

É un molusco bivalvo, moi popular por ser a cuncha dos peregrinos.

Habita en augas atlánticas e non se interna no Mediterráneo, aínda que alí existe outra especie moi próxima: a vieira do Mediterráneo (Pecten jacobaeus).

Localízase en augas limpas de alta salinidade, dende pouca profundidade ata os 100 metros. Entérrase en fondos areentos, nos que se move con enorme facilidade utilizando a súa potente musculatura para impulsar a auga entre as súas valvas, dando saltos de varios metros de lonxitude.

Son filtradoras: as súas branquias reteñen as partículas alimenticias que están en suspensión na auga, que pasan á boca con axuda dos palpos labiais, expulsando as non aptas. Descansa na area sobre a súa valva abombada.

Descrición:

A cuncha da vieira presenta dúas valvas desiguais:

Unha plana (a superior ou esquerda) máis clara ca a outra valva, con aurículas ou "orellas" simétricas e do mesmo tamaño.

A outra, (a inferior ou dereita) é convexa.

A superficie externa das valvas está sucada por costelas radiais. As cores van dende o avermellado ao pardo amarelento para a superior, e máis pálido, con manchas pardas, para a inferior. No corpo brando da vieira destacan o músculo adutor central (a parte branca), a gónada (de cor alaranxada), o pé e o manto (órgano formador da cuncha).

Sumario

festas

  • Festa da Vieira en Bueu (Pontevedra)· Último domingo de outubro

 

Publicacións seleccionadas pola Academia Galega da Gastronomía

<< retorno