Gastronomia de Galicia 

Ameixa

Ameixa

                                                   Foto cedida por Pescaderías Coruñesas

Ameixas. Nome xenérico en Galicia: Ameixa.
As variedades máis comúns son: 
Ameixa fina (Ruditapes decussatus) tamén coñecida como ameixa, ameixa femia, ameixa de lei ou ameixa de caste.
Ameixa xapónica (Ruditapes philipinarum), ameixa xaponesa ou ameixa italiana. 
Ameixa babosa (Venerupis pollastra) en Galicia.
Ameixa rubia (Venerupis romboides) tamén coñecida como ameixa rosada ou ameixa beada.

Introdución:

Son moluscos bivalvos que viven en fondos areentos. Cultívanse en parques ou parcelas a partir de pequenas ameixas obtidas de zonas con suficiente número de reprodutores ou producidas en terra (viveiro).

Nas nosas lonxas, a xaponesa e a babosa son as que teñen maior presenza. A fina é a de maior valor comercial, pola súa calidade e resistencia fóra da auga. A xaponesa, pola contra, é a máis barata e a de crecemento máis rápido, o que a fai idónea para a acuicultura. Aliméntanse por un sifón polo que bombean auga con partículas orgánicas e fitoplancto.

Descrición:

Ameixa fina: A súa cuncha é ovalada e alongada e nela pódense observar unhas liñas en forma de raios e unhas marcas concéntricas. A súa cor exterior vai do esbrancuxado ao castaño claro, con marcas amarelo-branco. Os dous sifóns son libres, é dicir, separados e longos.

Ameixa xapónica. A súa cuncha posúe unhas liñas radiais moi marcadas. As liñas concéntricas non existen no medio da cuncha e no resto son máis marcadas, formando cadros máis intensos ca na ameixa fina. A cor é máis escura ca a da ameixa fina. Os sifóns están unidos ata a metade da súa lonxitude e son máis curtos ca na fina.

Ameixa babosa: a súa cuncha posúe unhas liñas radiais pouco marcadas e as concéntricas moi marcadas. A cor pode variar de gris pálido a crema con bandas de cor máis intensa. Os sifóns están unidos en toda a súa lonxitude.

Ameixa rubia: A súa cuncha é máis grosa, ovalada. Ten unhas liñas concéntricas máis marcadas e os bordos lisos. A súa cor é a que lle dá o seu nome, que vai dende o amarelo pálido ao marrón rosado, ás veces con manchas marrón avermelladas. O interior é branco e ás veces con algo de rosa ou laranxa.                                             

<< retorno