Gastronomia de Galicia 

Capón ou pavo recheo

Elaboración

Nunha tixola con aceite, poñemos a refogar a cebola e os dentes de allo picados. Cando a cebola estea dourada, engadímoslle a carne e o xamón, refogamos un pouco e incluímos as ameixas (maceradas no viño de Porto durante unha hora e sen pebida), a compota de mazá e mesturamos todo cos dous ovos. Enchemos o capón con todo isto e cosémoslle as aberturas.

Xuntamos o brandy, o caldiño, o viño de Porto de macerar as ameixas e as graxas que lle eliminamos ao capón botámolo todo na fonte do forno. Poñemos o capón na grella, co forno a 180º e asámolo a razón de 45 minutos por quilo de ave. Durante o asado, cada pouco tempo imos regando, ou mellor, inxectando, co mollo da fonte, e os últimos 15 minutos aumentamos a temperatura para conseguir que a pel trisque un pouquiño.

Como guarnición, podemos utilizar patacas fritas ao pobre, con cebola e pemento, ou un puré de castañas, ou ben castañas asadas, etc.

En canto ao viño, recomendamos un tinto «gran reserva» da Rioja.

ingredientes

  • 1 capón ou pavo de 4 kg
  • 2 cebolas grandes picadiñas
  • 2 dentes de allo
  • 150 g de xamón curado
  • 150 g de carne de vitela (cortada fina cun coitelo)
  • 2 ovos
  • 100 g de ameixas secas
  • 1 compota de mazá reineta
  • 1 vaso de Porto ou viño doce
  • 1 vaso de caldo de ave
  • 1 copa de brandy
  • Sal e pementa
  • Aceite de oliva

relacionados

<< retorno