Elaboración
O verdadeiro caldo galego, como menciona o famoso «Picadillo», é un caldo enxebre, que só leva unha mestura de patacas, fabas, verduras, unto de porco rancio e máis nada. Pero, como el mesmo di: «Agora que os galegos temos algo máis de cartos, daremos unha receita máis condimentada». Poñer ao lume un pote con auga, os feixóns ou fabas brancas e os ósos. Poñer os grelos lavados e partidos coas mans nun recipiente diferente con auga fervendo para quitarlles parte do amargor. Retíranse e resérvanse. Cando comece a ferver a auga coas fabas, engadirlle o unto. Ao pasar 45 minutos, incorporar as patacas cortadas en anacos non demasiado grandes e os grelos. Deixar todo ao lume ata que estea ben cocido e, para rematar, rectificar de sal. Cómpre lembrar que o caldo galego se pode elaborar tanto con grelos -coma nesta receita- coma con nabizas ou repolo, segundo a tempada. Ademais, coa mesma base do caldo galego, sen as carnes, substituíndo o grelo por cabaza pelada e cortada, conséguese un dos caldos máis tradicionais, sobre todo de vixilia, ao que só lle hai que engadir por riba un sofrito de cebola con pemento moído e aceite.