Gastronomia de Galicia 

Costrada de rodaballo, vieiras e xamón

Elaboración

Para facer a masa, amornar o caldo. Engadirlle a manteiga de porco. Pasar o devandito caldo a un recipiente e engadirlle a fariña aos poucos mentres se amasa. Cando a fariña estea absorbida, agregar os ovos batidos e seguir amasando ata que a masa faga ollos. Deixar repousar. Abrir as vieiras e limpalas. Facer o mesmo co rodaballo, sacándolle as espiñas. Empregar as cebolas, os pementos, o azafrán e mais o aceite para facer o recheo, refogando todo a lume lento. Buscar un recipiente con forma de molde con bordo, como para unha torta. Engraxalo e colocar unha base de masa en toda a súa superficie. O seguinte paso é encher a base co rodaballo, esparexido con parte do sofrito. A seguir, poñer unha capa de masa fina e estender por riba dela todo o xamón. Colocar outra capa de masa cubrindo a anterior e poñer o sofrito que queda coas vieiras. Tapar todo cunha capa máis, que debe sobresaír e colgar do bordo do molde. Para rematar, meter no forno a temperatura media durante unha hora. Cando se doure, pintar a masa con ovo e acabar de dourar. Esta especial maneira de facer unha empanada é típico de Pontedeume (A Coruña) e faise con diferentes capas de ingredientes como galo de curral, anguías e ostras, ademais doutras combinacións.

ingredientes

  • 16 vieiras
  • 1 kg de rodaballo
  • 2 pementos
  • 400 g de xamón
  • Loureiro
  • 4 cebolas
  • Azafrán
  • 1 ½ kg de fariña
  • 2 ovos
  • 1 l de caldo de peixe
  • 50 g de manteiga de porco
  • Sal

relacionados

festas

<< retorno