Gastronomia de Galicia 

Lombo de porco celta braseado sobre crema de castañas e fungos do outono

Elaboración

 
En primeiro lugar, preparamos unha crema de castañas. Nunha pota, cocémolas en leite  cun pouco de anís e un toque de pementa. Cando notedes que se desfán, pasámolas polo batedor e reservámola para despois.
 
Preparamos o lombo de porco celta; non limpedes demasiado a graxa, recordade que a graxa será a que lle aportará sabor! Poñemos a asar a peza enteira na grella, precisamente pola zona da graxa, ata acadar a caramelización da mesma. Coidado, non permitades que chegue a queimar!
 
Despois botámoslle sal grosa e dámoslle a volta para que se faga polo outro lado.
 
Temos que procurar que a carne resulte substanciosa no interior, para o cal deixarémola vermella, pouco feita.
 
Para a presentación do prato, poñemos como base a crema de castañas. Enriba poñemos o lombo, fileteando a peza no mesmo intre de colocalo no prato. Acompañamos con castañas cocidas, cogomelos previamente feitos á prancha  e patacas reixa.

ingredientes

Lombo de porco celta braseado sobre crema de castañas e fungos do outono

 

  • 1 lombo de porco celta de ración duns 250 gr sen limpar
  • ¼ kg de castañas peladas
  • ½ litro de leite
  • Un chorro de licor de anís
  • Pementa branca moída
  • Sal
  • 50 grs boletus edulis
  • Patacas cortadas reixa para fritir


relacionados

<< retorno