Gastronomia de Galicia 

Troita á galega

 

Elaboración:

Primeiro preparamos as verduriñas. Cortámolas en tiras finas e rustrímolas a lume lento. Cando estean rustridas engadímoslle os anacos de xamón e o viño branco e deixámolas cocendo ata que se evapore o viño.

Mentres, sazonamos lixeiramente os filetes de troita. Coidado co sal, recordade que o xamón xa vai deixar un sabor bastante salgado! Despois poñemos os filetes nunha tixola con pouco aceite polo lado da pel, e marcámolas ata que a pel estea tostadiña.

Cortamos 12 tiras de porros e poñémolos no microondas 10 segundos a máxima potencia. Reservámolos para máis tarde.

Colocamos os filetes de troita apoiados polo lado da pel e poñémoslle por enriba as verduriñas rustridas co viño branco e o xamón. Despois, volvemos poñer outra capa de filetes de troita de modo que a pel quede á vista. Para presentalo, podedes atar os filetes con tiras de ceboliño, así non se moverán tanto cando as vaiamos comer.

Se vos apetece, podedes preparar unhas patacas cocidas e empregalas como base dos filetes, e, ademais, podedes preparar unha allada laminando o allo moi fino e dourándoo un pouquiño nunha tixola con aceite de oliva. Cando o allo estea listo, botámoslle un pouco de pementón, removemos e regamos os filetes coa salsa.

Eduardo dános un último consello: se este prato o deixamos arrefriar, podemos usalo como canapé. Boísimo!

 

 

ingredientes (4 pers.)

 

  • 4 troitas de porción ou 8 filetes de troita branca ou asalmoada
  • 300 gr de cebola
  • 100 gr de pemento
  • 100 gr de porro
  • 10 gr de pementón
  • 50 gr de xamón en anacos
  • 50 ml de viño branco
  • 2 dentes de allo
  • Aceite de oliva
  • Sal

relacionados

<< retorno