Gastronomia de Galicia 

Pastel de fígado de peixe sapo con cigalas e espagueti de mar

 

Para a elaboración desta receita, utilizaremos catro moldes pequenos de louza. Pintámolos coa manteiga e deseguido colocámoslle o po de algas necesario para impregnar a manteiga. Nun papel de enfornar, facemos uns círculos do tamaño dos moldes, pintámolos con manteiga e poñémoslles o po de algas. Deixamos repousar un par de horas para que a manteiga absorba o po de algas.

Trituramos o resto dos ingredientes, agás as cigalas e o espaguete de mar.

Enchemos unha terceira parte dos moldes coa mestura. Enriba colocamos un pouco de espaguete de mar e 2 colas de cigala. Enchemos co resto da mestura os moldes, cubrimos con filme alimentario e cocemos ao vapor durante 35 minutos a 100ºC e outros 35 minutos a vapor controlado a 78ºC

Arrefriamos, desmoldamos e cortamos en 6 gallos. Servirémolo acompañado da maionesa con wakame e ourizos e unhas rebandas de pan tostado.


 

ingredientes (4 pers.)

Pastel de fígado de peixe sapo con cigalas e espagueti de mar

 

  • 250 gr de fígado de peixe sapo (desveado e desangrado en auga e leite previamente e salteado con 50 gr de cenoria e outros 50 gr de porro).
  • 300 gr de ovo enteiro.
  • 200 gr de salsa de tomate.
  • 115 gr de nata culinaria.
  • Sal, pementa e unha culleriña de mostaza.
  • 8 colas de cigalas peladas
  • 75 gr de espaguete de mar en salgadura (pasarémolo pola auga antes de usalo)

Para a película exterior de algas:

  • Po de leituga de mar e espirulina.
  • Manteiga empomada.

 Para a maionesa de wakame e ourizos: 

  • 50 gr de maionesa suave.
  • 25 gr de wakame desalgada e picada finamente.
  • 20 gr de ovas de ourizo de mar.

relacionados

<< retorno